Friday 17 de May de 2024

A Deputación fai entrega dun tractor e unha furgoneta ao concello de Frades por valor de 117.000 euros


Diego Calvo visitou o municipio para coñecer da man do alcalde, Roberto Rey, as necesidades do Concello

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou hoxe o Concello de Frades para facer entrega ao seu alcalde, Roberto Rey, de dous vehículos adquiridos pola institución provincial para o mantemento do municipio.

En concreto, a Deputación adquiriu un tractor por valor de 92.000 euros que permitirá substituír o que ata o de agora utilizaba os traballadores municipais e que superaba xa os 16 anos de antigüidade.

Doutra banda, cunha partida de 25.000 euros, tamén se comprou unha furgoneta que permitirá tanto o traslado do persoal como de material entre as doce parroquias que compoñen o municipio de Frades.

Deste xeito, a Deputación da Coruña da resposta a unha demanda trasladada polo seu alcalde ao presidente do organismo provincial. De feito, con esta visita, Diego Calvo puido coñecer de primeira man as novas necesidades que ten municipio na reunión que mantivo co goberno municipal na Casa do Concello.

Máis de 510.800 euros en plans provinciais
A compra destes vehículos non é o único apoio que recibe Frades por parte da Deputación. Tamén a petición do rexedor, fíxose unha achega de 32.955 euros para a compra de dispositivos de suxeición dos seus colectores de lixo.

Frades conta cuns 300 colectores distribuídos polo municipio, moitos dos cales sofren deterioros polas condicións meteorolóxicas. Para evitalo, se recorre a estes elementos de suxeición.

O concello percibe tamén achegas correspondentes ao POS2015 (194.972,80euros) e ao DTC93 (132.114,13 euros), pero e que, ademais, este ano percibirá outros 183.764,73 euros grazas a novo plan provincial creado nestes orzamentos pola Deputación da Coruña, o PAI (Plan de Aforro e Investimentos).